Thursday 25 de April de 2024

A Xunta reforzará en 2022 a promoción turística en Irlanda para atraer a turistas e peregrinos


― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, mantiveron hoxe un encontro co embaixador de Irlanda en España, Frank Smyth

― O Goberno galego agarda que a reactivación da peregrinación internacional permita mellorar aínda máis as cifras de peregrinos que realizan o Camiño de Santiago no Xacobeo 21-22

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, mantiveron hoxe un encontro co embaixador de Irlanda en España, Frank Smyth. Ao encontro tamén asistiron a conselleira da Embaixada de Irlanda en España, Paula Molloy e o embaixador de España en Irlanda, Ildefonso Castro López, xunto co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo.

A Xunta continuará a reforzar en 2022 a promoción turística en Irlanda para atraer a turistas e peregrinos neste Xacobeo 21-22 con iniciativas como a continuidade da iluminación de edificios emblemáticos través do proxecto Acende o Xacobeo, que xa neste verán mantivo acendida a igrexa de Saint James de Dublín. Ademais, avanzarase no proxecto de sinalización Símbolos Xacobeos no Mundo coa previsión de instalar unha mouteira en Dublín.

No que vai de ano xa chegaron a Galicia máis de 800 peregrinos procedentes de Irlanda a través do Camiño Inglés, polo que a Xunta confía en que en 2022 coa reactivación da peregrinación internacional melloren aínda máis as cifras da chegada de peregrinos. Ademais, no que vai de ano 5.500 viaxeiros procedentes de Irlanda aloxáronse nos establecementos hoteleiros da comunidade galega, o que supón o 1,4% do total do turismo internacional en Galicia.